Mostrar mensagens com a etiqueta pedro campos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta pedro campos. Mostrar todas as mensagens

Recordos sensibles e intelixibles (Pedro Campos)

Todo canto teño son recordos…
…Recordos de quen son…
…Recordos de quen es…
…Recordos malos e bonitos…
…Recordos que se deterioran…
…Recordos que non se borran…
…Recordos desordenados…
…Recordos esquecidos…
…Unha infinidade de recordos.

Recordos inalterables coma o momento no que te coñecín;

(…)

O teu alento fedía aos 7 litros de cervexa consumidos esa noite.
Pero sempre me gustaron os coches e a gasolina.

“Xa sei que eu son un can e ti unha cadela en celo”
díxolle Romeo a Xulieta nun dos borradores do teatro de Shakespeare

PERO…
(ti tamén sabes isto…)

Xa ninguén se namora
nestes tempos absurdos.
Regáloche unha rosa
en forma de poema;
inversamente,
para que penses e non rías.
Vai en busca do abstracto,
o amor é un sentimento.

Xa ninguén se namora
nestes tempos defuntos;
flores para os recordos
luctuosamente colócanse.

Pedro Campos, a pesar da súa curta idade, xa tivo tempo de gañar nos anos 2011 e 1012 o certame literario da súa vila, o Ramón Martínez López, e quedou tamén en segunda posición no certame Xela Arias (A Guarda). Polo de agora, publicou o poemario Hipóteses, teoremas, drogas, estados de ánimo e outros remedios naturais para combater a tose" polo IES Praia Barraña, e en La Voz de Galicia o relato "Cando les un destes libros" (http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/12/16/0003_201112B16C9993.htm), co que fixo tamén a curta (http://vimeo.com/43137946). Por outra banda, compaxina a súa creación literaria coa musical, sendo guitarrista do grupo do barbanza "The Feeling Band". 

Portaminas (Pedro Campos)

Teño un portaminas,
duns quince centímetros;
principalmente é azul;
azul coma Vietnam.
Tamén ten trazos prateados
exquisitos á vista…
Aseméllase a un portaminas.

Ten unha mina;
pequeniña, pequeniña…
Só unha,
a última.
Ningunha mina será coma esta;
tan pulida,
tan belida,
tan carbónica,
tan… do cero con cinco…

Staedtler limited edition.
Gold quality.

Ámoa coma ninguén.
A miña mina queridiña,
metida no meu portaminas azul.
Non a usarei máis,
déixoa quedar alí,
dentro do portaminas
só quero a súa compaña
na cama pola noite
e, máis adiante,
no peto do meu traxe branco;
de astronauta…
Indo cara ás estrelas
na miña nave de cartón.         (é unha ilusión que teño dende hai anos…)

Ámote miña mina, espero que me entendas…

Pero agarda, tes que saber o mellor,
estou estudando duro,
e xa teño algúns enchufes na NASA,
mandarannos á lúa!
A inspeccionar a súa cara oculta…
Xa sabes a que me refiro…

Alí pagan ben, 
e contareiche unha sorpresa
(pero non llo digas a ninguén…)
(non sospeito de ti nin nada; xa sei que es de poucas palabras)

(…)
Cando teñamos cartos, 
vas ver ti miña mina,
voltaremos ata Titania.
E casaremos…

Para a lúa de mel,
non prepares nada,
non te molestes,
xa o teño eu preparado;
encontrei unha guía turística moi boa
para xente que ten ganas de coñecer mundo,
pero usando esta metáfora iremos máis alá;
que tal che soa?.
O teu marido co seu PEV
tripulando algo máis que o “ Vostok”
polo espazo…

Primeiro iremos a Caronte;
pasaremos alí dúas noites,
e despois cumprirei o teu desexo,
recordas cando xogabamos ás constelacións?.
Iremos ata Orión,
teño entendido que alí hai moitas estrelas…
O resto dos plans contareichos de camiño,
miña mina queridiña.