Mostrar mensagens com a etiqueta celia parra. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta celia parra. Mostrar todas as mensagens

POEMA PARA ESCOITAR NO BERSHKA (Celia Parra)


Ir de compras é o remedio perfecto
contra a angustia existencial de sábados
ou venres chuviosos
-crecín en anos,
en experiencia,
ou en talla de pantalón?
E que máis da, se a idade é unha lacra
que se apega nas cartucheiras   unha lapa
que vive nas cadeiras
e abanea a ritmo de salsa

Deslízome
polos corredores do Bershka
a ritmo de house, de chunda-chunda do malo
con contrapunto de moedas e tarxetas de crédito
canto máis rápida sexa a música
máis perchas inundarán os probadores
E o ritmo non para e a ansiedade sácame a lingua desde o espello
levo nos petos todos os meus defectos
e o meu corpo, que cría serea,
torna en balea varada entre as perchas

Como é posible tal deformidade
como estiven enganada tanto tempo
como a distorsión o aumento
como… son carne de corsé

E para consolarme sempre me din
que teño un corazón que non cabe no peito
e un peito tan grande
que xamais entraría nunha 34.


Celia Parra naceu en Ourense, no ano 90 e é Licenciada en Comunicación Audiovisual. Merecedora dos premios Ánxel Casal, 3º premio Minerva en dúas edicións, 3º premio Xuventude Crea de poesía, Premio María Mariño, Premio Avelina Valladares, do cal se publicou o seu primeiro poemario: No berce das mareas. Participou en varios recitais colectivos ("A porta verde do sétimo andar", jam session dos "Picaversos", co colectivo Salsipuedes de Pamplona ó que pertenze...). Escribe e fai audiopoemas e videopoemas publicados no seu blog: abroparentese.blogspot.com. Colabora como "opinadora" no portal Letra en Obras. Xa está tamén editado o seu primeiro CD con audiopoemas, a maioría están sacados de "Código Morse", o seu 2º poemario. Trátase de recitado con bases musicais que ela mesma compón e mestura. O CD, de título Re(c)Verso, estará na rede, na plataforma bandcamp para a súa libre descarga. 

DESCAPOTABLE (Celia Parra)


Xiro a chave do descapotable

Síntome unha deusa con pernas de seda

Non vai vento pero eu solto o pelo
                  e xiro sensual a cabeza

 Luxo o cigarro de vermello intenso

Acumulo conquistas no retrovisor

Seime libre, seime segura, seime magneticamente muller.



            I I PAUSE






A ficción é irresistiblemente apetecible
pero cambio de soño ó cambiar de canle
e fagocito roles camaleónica e (tele)dirixida.


Aínda non averiguei a que ulen as nubes,
mágoa que doia tanto facerse a cera
e que non fabriquen
            descapotables rosas.





Celia Parra naceu en Ourense, no ano 90 e é Licenciada en Comunicación Audiovisual. Merecedora dos premios Ánxel Casal, 3º premio Minerva en dúas edicións, 3º premio Xuventude Crea de poesía, Premio María Mariño, Premio Avelina Valladares, do cal se publicou o seu primeiro poemario: No berce das mareas. Participou en varios recitais colectivos ("A porta verde do sétimo andar", jam session dos "Picaversos", co colectivo Salsipuedes de Pamplona ó que pertenze...). Escribe e fai audiopoemas e videopoemas publicados no seu blog: abroparentese.blogspot.com. Colabora como "opinadora" no portal Letra en Obras. Xa está tamén editado o seu primeiro CD con audiopoemas, a maioría están sacados de "Código Morse", o seu 2º poemario. Trátase de recitado con bases musicais que ela mesma compón e mestura. O CD, de título Re(c)Verso, estará na rede, na plataforma brandcamp para a súa libre descarga.