NO RETORNO DO BOI MANSO (Ramón Blanco)


“Teu país de bois na aurora plantados,
levou-o o tempo na usura do ocaso.”
NAURO MACHADO



1

O libro novo, a cama
E todo tan íntimo como a roupa
Dos náufragos
Ou a lunática despedida no mar de Vigo,
E, ai Deus, se verrá cedo!
Tanto asfalto na noite, ensumido, no retorno.



2

E se retorno que sexa nas ondas
E non nas fogueiras,
No manso mar que bañas,
Manso boi,
Boi de palla.



3

Aínda que non o saibades
Invoco cada noite os bois
De Chus Pato,
Cando só nos queda o poder
Mira-la sombra do desexo
Máis alá da porta.




Ramón Blanco (Outes - A Coruña, 1979) é membro do colectivo literario Sacou. Moitos dos seus primeiros textos apareceron na revista A Caramuxa, que era o voceiro deste grupo fundado na vila de Noia a finais dos noventa. A publicación escolar Casa da Gramática segue a editarlle versos. No 2005 xuntou unha escolma poética no libro Orfeu en soños. Vén de publicar un novo poemario: Emily on the road. Escribe mensualmente en Artes & Letras Galicia, suplemento cultural do diario ABC, e mantén o blogue www.aoutrabanda.blogspot.com.

Sem comentários:

Enviar um comentário