A COR PÚRPURA (Ramón Blanco)


Madriña
Padriño



coma o encaixe que os vidros tecen de sol
nas paredes equinoccio do recordo é o acelerado
latexo do corazón nesta tarde de outono

aceiro e madeira
compoñen a maquinaria como instrumentos
para a tortura
mans que envelleceron
mentres a araña prepara secretamente a mortalla
para a mosca
unha luz alumbra pálida a trincheira
entre barrís e cubas
onde xira a roda e o seu idioma tolo
esmaga o froito
con ira
pensa que o que esmagan poderían ser os nosos pensamentos
alentar con esforzo cegos pola suor

en tinta púrpura
da prensa escorre o poema da vida
colleitado durante un traballo de campo
pasado a limpo
en tinta púrpura
tamén nos vidros
o líquido indescifrábel da estirpe


Ramón Blanco (Outes - A Coruña, 1979) é membro do colectivo literario Sacou. Moitos dos seus primeiros textos apareceron na revista A Caramuxa, que era o voceiro deste grupo fundado na vila de Noia a finais dos noventa. A publicación escolar Casa da Gramática segue a editarlle versos. No 2005 xuntou unha escolma poética no libro Orfeu en soños. Vén de publicar un novo poemario: Emily on the road. Escribe mensualmente en Artes & Letras Galicia, suplemento cultural do diario ABC, e mantén o blogue www.aoutrabanda.blogspot.com.

Sem comentários:

Enviar um comentário