Portaminas (Pedro Campos)

Teño un portaminas,
duns quince centímetros;
principalmente é azul;
azul coma Vietnam.
Tamén ten trazos prateados
exquisitos á vista…
Aseméllase a un portaminas.

Ten unha mina;
pequeniña, pequeniña…
Só unha,
a última.
Ningunha mina será coma esta;
tan pulida,
tan belida,
tan carbónica,
tan… do cero con cinco…

Staedtler limited edition.
Gold quality.

Ámoa coma ninguén.
A miña mina queridiña,
metida no meu portaminas azul.
Non a usarei máis,
déixoa quedar alí,
dentro do portaminas
só quero a súa compaña
na cama pola noite
e, máis adiante,
no peto do meu traxe branco;
de astronauta…
Indo cara ás estrelas
na miña nave de cartón.         (é unha ilusión que teño dende hai anos…)

Ámote miña mina, espero que me entendas…

Pero agarda, tes que saber o mellor,
estou estudando duro,
e xa teño algúns enchufes na NASA,
mandarannos á lúa!
A inspeccionar a súa cara oculta…
Xa sabes a que me refiro…

Alí pagan ben, 
e contareiche unha sorpresa
(pero non llo digas a ninguén…)
(non sospeito de ti nin nada; xa sei que es de poucas palabras)

(…)
Cando teñamos cartos, 
vas ver ti miña mina,
voltaremos ata Titania.
E casaremos…

Para a lúa de mel,
non prepares nada,
non te molestes,
xa o teño eu preparado;
encontrei unha guía turística moi boa
para xente que ten ganas de coñecer mundo,
pero usando esta metáfora iremos máis alá;
que tal che soa?.
O teu marido co seu PEV
tripulando algo máis que o “ Vostok”
polo espazo…

Primeiro iremos a Caronte;
pasaremos alí dúas noites,
e despois cumprirei o teu desexo,
recordas cando xogabamos ás constelacións?.
Iremos ata Orión,
teño entendido que alí hai moitas estrelas…
O resto dos plans contareichos de camiño,
miña mina queridiña.



Pedro Campos, a pesar da súa curta idade, xa tivo tempo de gañar nos anos 2011 e 1012 o certame literario da súa vila, o Ramón Martínez López, e quedou tamén en segunda posición no certame Xela Arias (A Guarda). Polo de agora, publicou o poemario Hipóteses, teoremas, drogas, estados de ánimo e outros remedios naturais para combater a tose" polo IES Praia Barraña, e en La Voz de Galicia o relato "Cando les un destes libros" (http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/12/16/0003_201112B16C9993.htm), co que fixo tamén a curta (http://vimeo.com/43137946). Por outra banda, compaxina a súa creación literaria coa musical, sendo guitarrista do grupo do barbanza "The Feeling Band". 

Sem comentários:

Enviar um comentário