A gata lunática (Silvia Penas)


Podes chamarme triste
como nome de pía ou até de impía
podes desarborarme a copa de ciprés
que traio ao lombo,
pois xa non son meniña con melena e piruleta

Podes habitarme as rúas devastadas
e despois cuspir a carabuña
que deixei nun cruzamento
que hoxe a lúa comeza a minguar
e o meu deambular é veleno
nos ollos dos cánidos

Podes chamarme cidade ou triste
podes
exiliarte de min a cada paso
a miña elasticidade é tan exacta
para a túa desnutrición
de reflexos novelados!

Podes desorbitar a miña fosa, tan oca por dentro
pois de dentro de min algo que
me sobrevive dá voltas enteiras
por riba das nubes
e primaverea no azul

Así que podes chamarme triste,
e negarte tres veces a ti mesmo
eu póñome debaixo dos incendios
e de todo estou por riba
para non soñar máis alto

Son gata lunática e asisto no teu parto
de crisálida, as miñas sete vidas
pertencen a un pedazo de terra innomeable

Non son deusa de as mornas
e maxia nos zapatos, son gata común
das que se atopan a moreas
nas entrañas dos camiños

Podes chamarme triste ou lúa
de cen noites de Cabiria
acaso unha desas prostitutas
me sacrifique no centro da escuridade
Paseo soa nos tellados,
as veces observo,
xusto antes de que saia o sol
a cadencia deste meu vagar de lunática.

Son gata lunática e con cío,
son gata acróbata e errática
son gata que no espello se delata
son gata famenta de semanas
ai, gata insensata!

Felinízareite pola beira do mar
que gardo acuosidade de piraña

Son gata engatusada no eco de este miar
sen data
a miña condición procede
dunha idade en que a tristeza
non había
mais podes
podes chamarme triste e negarte
a ti mesmo
tristecentas veces


Silvia Penas (gañadora slam.vilagarcia - xaneiro 2013)

Realizou estudos de Filoloxía galega na Universidade de Vigo, cidade onde mora a día de hoxe. Exerce como profesora de lingua e literatura galega, ademais de dedicarse a outras tarefas profesionais. Os seus textos foron galardoados en diferentes certames de poesía e narrativa, entre os que cómpre mencionar o Premio de poesía da Universidade de Vigo 2005, co poema en cinco partes Neste Bosque. Cun conxunto de poemas intitulado A tiranía do des foi premiada en 2007 no Certame Galego de Creadores Novos GZcrea. En 2009 publica Biografía da multitude en coautoría con Elvira Riveiro Tobío, este poemario acadou o premio de poesía Victorano Taibo en 2009. Ten participado en numerosos recitais como membro do colectivo Redes Escarlata.

Sem comentários:

Enviar um comentário